O LIBRO DA HOSPITALIDADE

Isto ocorreu na parroquia de Darbo, na véspera do dezaseis de agosto do ano mil oitocentos oitenta e tres, nunha casa vella, unha casa terreña, unha casa de lareira, paradigma da arquitectura tradicional, sen soto nin sobrado, a carón da costa que vai dende o camiño vello de San Roque ao adro, o adro que ten unha capela e dous piñeiros mansos, o adro onde hai un alpendre e un cruceiro, o adro dende o que miras a entrda da ría coas illas atlánticas ao fondo.
Na casa habitaba unha viúva, a viúva era unha muller entrada en idade, a viúva ía descalza e vestida cun vestido verde acordoado na cintura, o cordón era un cordón dourado que tiña tres cunchiñas de vieira feitas en prata.
Mentras ela preparaba o pouco que tiña de cea, alguén petou na porta con postigo e abrindo a caravilla da folla da fiestra apareceu diante dela unha moza con aspecto canso.
Abreu a porta e convidouna a entrar. A rapaza traía unhas sandalias cos pes manchados da terra do monte; a vella descalzouna e quentou unha ola de auga con sal, e vertendo a auga dentro dunha palangana, cinguiu unha toalla e ofreceuse para lavarlle os pés.
Durante o lavatorio, a moza experimentaba un pracer inmenso que manifestaba a través dos cantos que facía coa súa voz, unha voz fermosa coma a voz dunha soprano, mentras os dedos suaves das mans da viúva deslizaban entre as dedas dos seus pés.
Pracer, pracer longo e inmenso co contrapunto das cóxegas dispersas na melodía.
Despois de enxugarlle os pés, colleu unha cunca de madeira, chea de piñóns, que estaba no sinxelo alzadeiro da cociña e logo verteu as sementes do piñeiro sobre unha tixola de ferro quente colocada sobre a trepia.
Xa coa cor tostada e o arrecendo inundando a estancia aberta, sementou os grans enriba de manteca de vaca untada sobre o pan de millo, do mesmo xeito que se sementa o centeo sobre a terra labrada, e botou mel sobre o bocado. Mentras sentaba nun tallo de cañota de salgueiro ofreceulle a sua propia cea a aquela moza.
Estiveron conversando a carón do lume da lareira longo tempo e despois a moza deitou no camastro de xargón de follaco mentras a viúva quedaba durmida sentada na cañota.
Ao día seguinte, cando espertou a vella, a moza xa abandoara a casa e ollou que a moza deixara as sandalias ao pé do camastro.


Comentarios